Nunca soubo se morreu afogada…
Mais aquel neno
ben sabía que a súa dor…
Era verdadeira…
Que aqueles berros de muller
na procura da súa nai perdida
feríanlle á alma…

E outono a outono
os días deixaron de ser infindos…
Lembranzas…
Cicatrices de vellas feridas…
De gritos perdidos…

Onde están
aqueles días tristes
de ceos grises
e mareas mortas…
De infancia eterna
e tempo infindo?

Onde están aqueles ollos de neno
na beira dos mares de outono…
Alumeando os berros daquela muller
esgazando os ventos…
Enchendo o silencio das rúas baleiras?

Onde están…
Aqueles días tristes…
Ceos grises…
Mareas mortas…
Infancia eterna…
Tempo infindo…?

Onde están os que andaban de brincadeira
facéndolle mofa…?
Os que dicían que estaba tola
coma se a súa dor fora mentireira…?

Onde están
Aqueles ollos de neno
refulxindo na beira dos mares de outono…?

Onde están?

Nunca soubo se morreu afogada…
Mais aquel neno
ben sabía que a súa dor…
Era verdadeira…
Que aqueles berros de muller
na procura da súa nai perdida
feríanlle á alma…

E outono a outono
os días deixaron de ser infindos…

Lembranzas…