No ar do fogar…Voa un fado de outono…
Suave veludo dun penar…

No reflexo das súas meixelas,
pingas da chuvia esvaran..
Escravas…
Coma bágoas, sobre o vidro da fiestra

No solpor do ceo…
Vendaval de outono a inverno…

Na praza deserta…
Unha derrota dourada de follas marelas,
Escravas…
Coma longo cabelo louro solto ao vento…

Lembranzas doutro tempo…

Na noite sen lúa que se aveciña…
Vellas nostalxias de pel engurrada…
Escravas…
Atopan silencios esquecidos nos lenzos baleiros…
Espazos durmidos nos versos en branco…

Lembranzas doutro tempo…

Esperta, esperta…
Dítanlle os adentros…
Non esquezas…
Non esquezas,
Mais non durmas nos días de onte…
Non durmas nos tempos que foron…
Esperta, esperta…

Namentres…No ar do fogar…
Voa un fado de outono…
Suave veludo dun penar…