Disque o tipo era tranquilo
que non se metía con ninguén…
Non se sabe cando,
nin coma chegou…
El andaba ao seu aire…
Nunca traballou…
De poucas palabras…
Tanto estaba…
Coma non…

Bo amigo dos bares,
non se lle recordan risas…
Refregas…
Nin sequera saídas de ton…
Só un sorriso constante…
E un brillo especial nos seus ollos…

No pobo, uns chamábanlle…
“Sorriso Man”…
Outros…
“Rock and Roll Star”…

Nas festas, discotecas ou disco pubs
bailaba sempre só…
Semellaba unha estrela do rock…
Xuntaba os pes
pechaba os ollos
e cos brazos ben abertos…
Miraba cara o ceo…
Ceo interior
que dicía sempre levaba dentro…
E pouco a pouco…desaparecía…
Inmerso no ritmo do son…

Ninguén se decatou entón
de que aquel home
que nunca pronunciou o seu nome…
Non chegaba a facer sombra…
Tanto estaba…
Coma non…

“Sorriso man”
Dicíase marioneta nos versos do poeta…
Cando alguén lle preguntaba…
Que tal?
Sempre respondía…
-Aquí, de sol a sol,
nacendo, morrendo…
Anaco a anaco un pouco máis…

Recordo unha conversa que tiven unha noite con el…
Non hai luns,
nin martes,
nin xaneiros
ou febreiros…
Dicía…
Se isto llo dis a un que traballa
diríache que estás tolo de remate…
É que están cegos!!!
Son incapaces de entender a vida
sen as unidades de tempo que inventaron…
Pero o feito é…
Que non hai luns!!!

Puñetera manía que teñen
de intentar engaiolar as cousas…
A ti, a min…
Aos seus putos luns…
É que nin a eternidade se lles escapa!!!

Pero a min non me enganan…Non…
Dicía…
A min non me van facer engaiolar a eternidade…
A min dáme igual…
Tanto estar…
Coma non…
Pero mentres estea…
E vou seguir bailando
neste ceo infindo…
Que por moito que queiran…
Por moitas estrelas que vendan…
Xamais van poder engaiolar…
Este ceo meu…

Este ceo é meu…
E eu son del!!!

Non se sabe cando…Nin como…
Pero desapareceu, igual que chegou…
Sen anuncios nin trompetas…
Quizais entrouse demasiado nunha das súas danzas…
Ou nun dos seus senlleiros paseos nocturnos
seguiu camiñando, camiñando…E non tornou…

Un poeta que anos mais tarde coñecín
contoume que escondido,
coma pintor de flores de prata,
uns versos o converteron en lenda

Nunha noite de primavera…
Baixo un ceo de cristal
un pincel durmido
torna o seu silencio
nun berro revolucionario…
A súa sabedoría
nunha guía de rendición,
o seu entendemento
nun acto desobediente…

Un novo amencer
semente pura,
espertou a súa alma…

Ouvírono cantar ás estrelas
declarar o seu amor á lúa
e ao sol da mañá…

Vírono bailar na area da praia…
Brazos estirados coma se sostivesen ao ceo
dando voltas e voltas…
Mentres bágoas rodaban dos seus ollos…

Ouvírono…
Rir na beira…
Entregar todo o seu amor…

Amo de novo…
Amo de novo…
Dicía…
Amo a lúa,
A noite,
O sol,
As estrelas,
A chuvia,
Amo a area…
Ámoche…
Amo de novo…
Amo de novo…

Lonxe quedaban os días
das flores de prata…
Dos trens urbanos…
Dos ollos escondidos
e cóbados empuxando…
Dos sorrisos mortos…
Dos falsos viaxeiros
e as súas mentes mentireiras…

Vírono,
Sorrir a cada home,
muller e neno…
Bailar na area da praia…
Brazos estirados coma se sostivesen ao ceo
dando voltas e voltas…
Mentres bágoas rodaban dos seus ollos…

Vírono
cando o levaban ante o xuíz…
Cando o declarou…
Tolo e unha ameaza…

E tamén ouvírono dicir…

Este ceo é meu…
E non o engaiola ninguén…

(Xoanxo 2017)